Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A cronoloxía da sauna castrexa de Cedeira remóntase ao século III antes de Cristo

Cedeira acolle o monumento con forno -pedra formosa- máis antigo de Galicia. A proba do Carbono 14, á que foron sometidos restos de carbón recollido durante a última escavación, sitúano no século III a.C., en torno ao ano 2.250, unha data cunha marxe de erro de máis menos 30 anos.

A cronoloxía agora corroborada pola empresa Beta Analytic, con sede en Londres pero cos laboratorios en Estados Unidos, vén demostrar a orixe castrexa do monumento, polo que tamén pecha definitivamente o debate sobre a posible influencia romana na realización destas construcións, das que en Galicia existen un total de cinco. A última precisamente foi a localizada pola empresa Axa Arqueoloxía, da que forma parte Emilio Ramil, durante a campaña levada a cabo en decembro do 2017.

Ramil apuntou que a proba do Carbono 14 non deixa lugar a dúbidas. “A sauna de vapor estaba en funcionamento antes da chegada dos romanos a Galicia, polo que a súa construción aínda será anterior”, explicou. Asegurou así mesmo que “Patrimonio e máis eu estamos moi entusiasmados co resultado da mostra dos restos de carbón que no seu día serviron de combustión para quentar as pedras do monumento”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez Pérez, explicou que nunca existiu ningún tipo de dúbidas con respecto á importancia do xacemento de Punta Sarridal, “un potencial que agora vese recompensado e confirmado por unha proba científica de moi alto nivel, polo que considero necesario seguir investindo para ampliar a investigación e os coñecementos que poida seguir arroxando este xacemento arqueolóxico”, asegurou.

No mes de xullo deste mesmo ano concluía a terceira intervención arqueolóxica levada a cabo nesa zona do termo municipal de Cedeira, a primeira financiada exclusivamente con achega local. O investimento ascendeu a 12.000 euros e os traballos realizados tiñan como obxectivo a consolidación dos elementos ata o de agora localizados. Anteriormente e con financiamento directo de Patrimonio, o lugar acolleu outras dúas campañas arqueolóxicas.