Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A CABALGATA DOS REIS MAGOS VISITA CEDEIRA ESTE XOVES

O Concello de Cedeira ten programada a Cabalgata dos Reis Magos para este xoves, no formato tradicional de antes da pandemia. Así, desta volta non é necesario concertar unha cita con Melchor, Gaspar ou Baltasar, como se fixo nos últimos anos. As Súas Maxestades percorrerán a vila a partir das seis da tarde, saudando aos nenos e nenas, e irán a continuación ao Auditorio Municipal. Alí será a súa recepción oficial, na que as crianzas que o desexen poderán achegarse e entregarlles persoalmente as súas cartas. A axenda dos Magos de Oriente rematará cunha festa, con merenda e xogos, no colexio Nicolás do Río.

A cabalgata, cunha carroza para cada un dos Reis Magos, sairá ás 18.00 horas do colexio Nicolás do Río e fará un percorrido polo casco urbano, pasando polo Camiño Real da Madalena, a Avenida Castelao, a rúa Ezequiel López na zona vella, e Praza de Galicia e Avenida da Area, para rematar no Auditorio Municipal. Os nenos e nenas que o desexen poderán pasar ao interior e esperar a súa quenda para achegarse ao seu Rei favorito e expresarlle os seus desexos.

Unha vez que remate a recepción oficial, aproximadamente ás oito da tarde, comezará unha merenda nas instalacións do CEIP Nicolás do Río. Alí servirase chocolate quente con roscón de Reis ou bola, e haberá atraccións inchables para os máis pequenos.

Despois da adversa meteoroloxía destes días pasados, que obrigou a suspender a verbena programada para Ano Novo, desde o Concello prevén que non haxa sorpresas e que o encontro cos Magos de Oriente poida celebrarse sen problemas.

Carreira Popular de Nadal

Por outra banda, o Concello reprogramou para este sábado, día 7, a Carreira Popular de Nadal que tivo que ser adiada o pasado día 31. A cita lúdico-deportiva comezará na praza Roxa ás 16.00 horas, cun itinerario circular que pasará pola praza 18 de Decembro, o Camiño Real da Madalena, a rúa Salinas, a avenida de España e remate na praza Roxa. As persoas adultas realizarán dúas voltas ao trazado, mentres que as persoas que opten por facer unha andaina lúdica farán unha. É unha carreira na que moitas persoas participantes adoitan acudir con disfraces, subliñando o ambiente festivo da mesma. Os dorsais repartiranse despois das 15.00 horas, na mesma praza Roxa, onde tamén ao remate da carreira sorteranse unha serie de cestas de Nadal entre as persoas participantes.