Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A CABALGATA DE PAPÁ NOEL FARÁ HOXE VENRES A SÚA PUNTUAL VISITA Á VILA DE CEDEIRA

A cabalgata de Papá Noel fará hoxe venres a súa puntual visita a Cedeira, cun percorrido polo casco urbano que rematará nunha pequena festa na Praza Roxa. A agrupación local de Protección Civil encárgase da organización do paseo da comitiva, que irá encabezada por Papá Noel no seu trineo e seguida doutras carrozas con elfos, un boneco de neve e o Grinch.

O percorrido da cabalgata comezará ás 18.00 horas e irá pola Avenida Area, a Praza de Galicia, a rúa Ezequiel López, Ponte Nova, Avenida de Castelao e Avenida de España, para rematar na Praza Roxa. Alí, Papá Noel estacionará o trineo e o resto das carrozas para atender ás crianzas. Comezará a continuación unha sesión DJ.

O programa de Nadal en Cedeira terá xa o seu primeiro acto esta tarde coa Audición de Nadal que ofrecerá o alumnado da Escola de Música no Auditorio, a partir das 19.30 horas. É unha cita xa clásica na vila, tanto en Nadal como en verán, e ofrece a oportunidade de amosar ante o público os progresos dos alumnos e alumnas, de todas as idades, que aprenden a tocar diferentes instrumentos no centro formativo.

Tras a cabalgata de Papá Noel de hoxe, o sábado 24 inaugurarase o espazo de ocio no Polideportivo Municipal. Alí funcionará durante todas as festas a pista de xeo, así como varias atraccións inchables, un tobogán e tamén unha zona de obradoiros, na que monitores e monitoras especializadas estárán dirixindo diferentes xogos e actividades para nenos e nenas. O horario de funcionamento de todas as actividades será todos os días salvo os festivos -25 de decembro, 1 e 6 de xaneiro- será de mañá e de tarde, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00h.

As persoas que estarán atendendo a pista de xeo encargaranse de repartir patíns de balde ás persoas que queiran deslizarse por ela. Estarán dispoñibles 150 pares con números do 25 ao 47, garantindo que gocen da atracción tanto crianzas como maiores. O Polideportivo ofrecerá un espazo amplo e abrigado das inclemencias meteorolóxicas e todas as actividades serán de balde.