Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A biblioteca transládase durante os próximos seis meses a dúas salas do palacete municipal

A BIBLIOTECA TRASLÁDASE DURANTE OS PRÓXIMOS SEIS MESES A DÚAS SALAS DO PALACETE MUNICIPAL

Esta semana daban comezo as obras de ampliación da biblioteca de Cedeira, unha situación que fai inevitable o traslado temporal do servicio de lectura ao palacete municipal. O Concello habilitou no devantido edificio dúas salas, unha dedicada ao estudio e outra utilizada como oficina, para evitar molestias aos usuarios da biblioteca. Estes cambios xa están operativos.

O prazo de execución dos traballos, contratados por 207.000 euros á empresa Prace, Servi­cios e Obras SA, é de seis meses, período de tempo no que se manterá esta situación de provi­sionalidade.

O proxecto consiste no aproveitamento dunha vivenda, adquirida no seu día polo Concello, para a realización dun novo edificio de comunicación vertical, e na reforma da planta baixa -ago­ra ocupada polo Xulgado de Paz- co fin de incrementar as actuais dimensións da biblioteca, cuxa primixenia edificación foi construída no ano 1790 e acolleu a sede consistorial. Esta reforma dará lugar a un novo acceso peonil desde a rúa Consistorio, á habilitación dunha sala de estudo e á creación dun acceso en cada planta coa instalación e posta en funcionamento dun ascensor.

A obra tamén inclúe a mellora da iluminación existente coa colocación de lámpadas tipo led, tanto no teito como nos postos de lectura, así como a colocación de novos estantes e a repara­ción das actuais. Levarase a cabo así mesmo a instalación dun sistema contra incendios e a cons­trución dun aseo para persoas con discapacidade na primeira planta.

O goberno municipal pide compresión á veciñanza durante o tempo de duren unhas obras que, no seu día, foron valoradas polo executivo local como “as de maior transcendencia social” porque farán posible que a biblioteca sexa accesible para todo o mundo.