Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A Biblioteca Municipal López Cortón xa loce un aspecto máis rexuvenecido

O goberno de Cedeira acaba de dar por finalizada a obra de pintado exterior da biblioteca municipal López Cortón, un edificio que xa fora sometido a unha profunda renovación no seu interior e que forma parte do conxunto arquitectónico do casco vello. Desde o executivo local destácase o seu interese en contribuír á posta en valor do núcleo urbano da vila e, neste sentido, recórdase que cara ao 2020 está prevista a execución do proxecto que transformará o pazo de Moscoso nun novo edificio de carácter municipal e de servizos.

A obra agora executada pola empresa Agustín González Carro na biblioteca consistiu no pintado exterior dunha edificación cuxos orixes se remontan ao século XVIII e que durante anos tamén foi sede consistorial do municipio. Cun orzamento superior aos 6.600 euros, o traballo realizado deu lugar ao lavado e saneado de todas as paredes exteriores do inmoble, que posteriormente recibiron dúas mans de imprimación e un total de tres de pintura impermeabilizante. A intervención mellora considerablemente o aspecto exterior da construción e evita posibles problemas de humidade. Segundo o alcalde, Pablo Moreda Gil, “o Concello tamén debe velar pola conservación dos edificios municipais e pola posta en valor da riqueza local”.

O goberno municipal apostou por manter os colores branco e amarelo tan característicos da edificación, así como a faciana e os versos de Rosalía de Castro que desde hai un ano figuran na fachada posterior e principal do edificio, situado entre a praza da Rectoral e a travesía do Cristo.