Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A BANDA LOS ETERNOS PRESENTA ESTE SÁBADO NA SÚA VILA O SEU ÚLTIMO TRABALLO DISCOGRÁFICO SONORA

O Auditorio Municipal acollerá o sábado a actuación do grupo Los Eternos, unha banda de Cedeira que está a recoller excelentes críticas tras a presentación do seu terceiro traballo discográfico, Sonora, co que nos últimos meses viaxou por escenarios de dentro e fóra de Galicia. O reencontro co público da súa terra será ás 20.00 horas, con entrada libre ata completar aforo.

A música de Los Eternos ten a súa base no country americano, con influencias do folk e o pop. Triunfaron con esta fórmula no ano 2010, cando a Warner lles publicou o disco Back on the road, e despois estiveron varios anos retirados ata o lanzamento de Vientos Solitarios en 2018. Desde o pasado verán a banda está inmersa na presentación do novo traballo, Sonora, que a crítica especializada eloxiou pola súa calidade. Na súa actuación en Cedeira, Los Eternos compartirán escenario coa banda local P-Rayada, un grupo de rapaces do instituto de Cedeira, que xa levan tempo tocando e que no pasado verán estiveron no festival Discalz@s.

Por outra banda, estes días están a desenvolverse as Audicións de Nadal que ano tras ano organiza a Escola de Música Vila de Cedeira. Ao longo da semana, en diferentes actuacións, amosan o aprendido os alumnos e alumnas de clarinere, piano, gaita, saxofón, acordeón, guitarra, percusión e canto.