Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A asociación sobre rodas xa ten un novo transporte

A ASOCIACIÓN SOBRE RODAS XA TEN UN NOVO TRANSPORTE

A asociación sociocultural de discapacitados Sobre Rodas xa ten un novo transporte para ofrecer servizo aos 350 socios que a día de hoxe ten esta entidade na vila de Cedeira. Trátase dun vehículo de segunda man, adquirido por 12.000 euros, que aínda carece de plataforma para que poida ter a consideración de adaptado.

A asociación contou coa colaboración económica da entidade bancaria La Caixa e do gran apoio que para a causa representou tanto a actuación, o pasado 15 de setembro, da cantante local Irene Caruncho en el auditorio da vila como o festival de Pakolas. De feito, a cantante xa ten comprometida unha nova actuación en Cedeira co fin de seguir contribuíndo ás necesidades que poida ter a Asociación sobre Rodas. Neste caso, será o día 8 de decembro.

Pero antes disto, a entidade foi quen de organizar un festival solidario que terá lugar o día 10 de novembro no auditorio, a partir das oito da tarde. O prezo da entrada será a vontade e a finalidade da convocatoria é reunir cartos para a compra de material ortopédico e para poñer a plataforma ao novo vehículo. As actuacións estarán a cargo do coro infantil Sobre Rodas, o grupo Herbeira, o conxunto de acordeóns e as intérpretes Arancha Bouza e Lydia Orizales.