Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

17 TERRITORIOS ASPIRAN ESTE ANO A SE CONVERTER EN XEOPARQUE MUNDIAL DA UNESCO

A Secretaría da UNESCO publicou recentemente o listado de candidatos a obter este ano o distintivo de xeoparque mundial. Por parte de España están propostas a zona de Costa Quebrada, en Cantabria, e a do Cabo Ortegal, compartindo opcións ao recoñecemento con outros 15 territorios situados no Brasil, China, Grecia, Indonesia, Irán, Irlanda, Italia, Kirguizistán, México, Noruega, Corea do Sur e Rusia. Durante os próximos meses, en datas aínda por determinar, persoas expertas pertencentes ao equipo designado pola UNESCO visitarán cada un dos proxectos para facer unha avaliación exhaustiva do seu patrimonio xeolóxico, pero tamén do seu compromiso e do traballo que se está facendo en relación co desenvolvemento sostible. Mentres tanto, o Proxecto de Xeoparque de Cabo Ortegal segue traballando en rede con outros territorios con intereses comúns e, nese sentido, participará a semana que vén nun encontro en Santander no que se tentarán sentar as bases para creación dunha Ruta Transcantábrica da Xeodiversidade que implique os xeoparques do norte do Estado.
Os estados membros das Nacións Unidas teñen até o 7 de xullo para formular alegacións á relación de candidaturas 2021-2022, data a partir da cal se producirá a visita das inspectoras ou inspectores internacionais.
Ademais, a UNESCO ten tamén en marcha a elección do equipo de avaliadoras e avaliadores que visitarán os 17 territorios aspirantes, tras manter aberto até o pasado 15 de abril o prazo de recepción de solicitudes para entrar na lista de persoas expertas.
Con esta información, e ante o elevado número de candidaturas que hai este ano, prevese que as misións de avaliación nos distintos países se leven a cabo a partir de mediados ou incluso finais do verán, tendo en conta que a loxística debe coordinarse coa Secretaría e cos propios avaliadores, como moi tarde, ata un mes antes da súa viaxe.
A UNESCO enviará dúas persoas que permanecerán no territorio cinco días -incluído o da chegada- facendo visitas de campo para ver os recursos xeolóxicos máis destacados, analizando o grao de cumprimento das condicións para ser xeoparque e mantendo encontros tanto cos responsables do proxecto como co tecido social.
Todo está pautado nun rigoroso protocolo que inclúe unha xuntanza final na que os dous avaliadores internacionais, que non poden ser españois, exporán as súas observacións e formularán as recomendacións que estimen oportunas. O protocolo insiste na obriga de que durante a súa estadía ambos garden discreción sobre o sentido do informe de xulgamento que deberán elaborar para o Consello Executivo e o Consello de Xeoparques Mundiais da UNESCO, os organismos que teñen a última palabra na asignación do ansiado distintivo.
Relación con outros territorios
No listado de tarefas dos avaliadores tamén se encontra a análise do proxecto “non só nunha escala nacional, senón tamén para ter un retrato global, especialmente unha perspectiva sobre o traballo en rede”, apunta a documentación da UNESCO. Neste sentido, o Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal leva varios anos participando en encontros técnicos e intercambiando información con outros territorios que xa forman parte da rede mundial.
A próxima cita deste tipo está programada para dentro duns días nas xornadas sobre Patrimonio xeolóxico, xeoparques, investigación científica e aproveitamento turístico que se desenvolverán o 6 e 7 de xuño en Santander, cadrando coa celebración do Día Internacional da Xeodiversidade e baixo a organización da Real Academia de ciencias Exactas, Físicas e Naturais.
No marco deste foro, as zonas da cornixa cantábrica debaterán sobre a conveniencia de establecer unha Ruta Transcantábrica da Xeodiversidade que conecte os diversos espazos de interese xeolóxico do norte peninsular, onde neste momento se encontran o Xeoparque da Costa Vasca, o burgalés de Las Loras e o Xeoparque Montañas do Courel. Costa Quebrada -anfitrioa das xornadas- e Cabo Ortegal poderían ser os seguintes, o que elevaría a 17 o número de territorios españois co recoñecemento da UNESCO.